Sunday 05 de May de 2024

A Xunta loita para minimizar o risco de exclusión na mocidade e ofrecer á xente nova máis e mellores oportunidades de futuro


O vicepresidente, Alfonso Rueda, participou esta mañá na inauguración do I Encontro Internacional Mozos e Inclusión

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na inauguración do I Encontro Internacional Mozos e Inclusión “Xuventude en risco, un risco para Europa”, no que destacou que o futuro de Galicia pasa por minimizar as situacións de risco de exclusión da xuventude e ofrecerlles máis e mellores oportunidades.

Con ese horizonte, o Goberno galego leva xa varios anos traballando en tres liñas de actuación básicas para conseguir que a poboación máis nova sexa capaz de remontar as dificultades que lles trouxo a crise económica e poidan converterse nos axentes de cambio e progreso que deben ser.

En primeiro lugar, a través dunha batería de medidas de apoio ás familias que máis o necesitan, comprendidas no marco da Estratexia de Inclusión Social -cun orzamento superior aos 521 millóns de euros- e o Plan de Loita contra a Desigualdade Social, posto en marcha nos últimos meses.

Dentro desta liña, Rueda destacou o Programa ‘Mentor’, un modesto programa no que a Xunta colabora con Igaxe3 -un dos organizadores da xornada- e que foi recoñecido pola UE como exemplo de boas prácticas. ‘Mentor’ está dirixido a mozos maiores de 16 anos con algunha medida de protección ou que están cumprindo unha medida xudicial por infracción penal e ten por obxectivo capacitalos para a súa integración social e construírlles un futuro.

Doutra banda, o Executivo galego tamén está a actuar para garantir a educación e a formación para que reducir as posibilidades de que os máis novos se encontren en situación de desemprego e, polo tanto, con maior risco de pobreza e exclusión. Para iso, aumentouse un 25 por cento o orzamento dos programas dedicados á educación non formal, que contarán este ano con 2,5 millóns de euros e uns 4.000 beneficiarios.

Impulso ao emprego xuvenil
Por último, a terceira e máis decisiva clave na loita contra a inclusión é evitar o desemprego entre os mozos e mozas galegos. A Xunta de Galicia está realmente concienciada coa necesidade de impulsar o emprego xuvenil e o está a facer de forma coordinada con institucións europeas e españolas.

Así, en 2014 a Consellería de Traballo e Benestar puxo en marcha un Plan de Emprego Xuvenil bianual e este mesmo ano iniciou un programa de Garantía Xuvenil, especialmente dirixido a 30.000 mozos e mozas menores de 30 anos que nin estudan nin traballan. Ambos programas mobilizarán, en total, 150 millóns de euros destinados a este obxectivo.

O encontro estivo organizado pola Rede Mozos e Inclusión e Igaxes3, que forma parte da dita organización. Durará dúas xornadas, hoxe e mañá, e constará de distintas conferencias, mesas de diálogo e presentacións de proxectos, comunicacións e iniciativas.

No acto de inauguración, ademais de Rueda, tamén participaron o presidente da Rede Mozos e Inclusión, José Antonio Caride; a secretaria xeral da Consellería de Traballo e Benestar, María Jesús Lorenzana, a directora da Plataforma de ONGD Acción Social, María Luisa Gómez; e o presidente de Igaxes3, Luis Barreiro.